Tanto a nai como o pai do bebé mostráronse agradecidos “polo trato recibido por todo o persoal que nos atendeu desde o momento do ingreso”, tanto na área de maternidade como durante o posterior período de recuperación e de hospitalización. “Ao principio non podiamos crelo, dá a sensación de que o hospital abriu hai pouco e o noso fillo xa é o número 10.000 dos nados; estamos moi contentos e agradecidos”, manifestaron os proxenitores.
Con ese motivo, a dirección do centro médico rendeu unha homenaxe á familia diante da estatua do ‘Titán’ situado no acceso do hospital, que é un símbolo de protección e apoio á paternidade. O xerente da área sanitaria, Félix Rubial, mostrouse “moi satisfeito co feito de que Vigo siga sendo a área de Galicia onde se producen máis nacementos”, e subliñou que “este pequeno acto pretende ser un recoñecemento cariñoso á maternidade, a todas as nais que deron xa a luz no Álvaro Cunqueiro e ás que o seguirán facendo, así como aos profesionais que fan posible, cada día, o bo funcionamento do servizo”.
Os pais de Adrián recibiron un ramo de flores, un pequeno obsequio e un diploma que acredita ao neno como o bebé 10.000 do Álvaro Cunqueiro. No acto, moi entrañable, estiveron presentes, ademais do xerente da EOXI, o xefe de servizo de Obstetricia e Xinecoloxía, o doutor Carlos López Ramón y Cajal, e as supervisoras das áreas de parto e de hospitalización.
Descenso do 8,2 por cento este ano
A pesar de que Vigo está á cabeza no número de nacementos en Galicia, a tendencia que se observa no que vai de ano é á baixa con respecto ao mesmo período do ano anterior. Así, entre o 1 de xaneiro de 2017 e o 20 de maio dese mesmo ano, naceron 1.366 bebés.
No que vai de ano 2018, e ata o pasado domingo, 20 de maio, o número de nacementos foi de 1.254, o que representa unha diferenza de 112. Traducido a porcentaxe, os nacementos entre xaneiro e maio de 2018 supoñen un 8,2% menos que no primeiros cinco meses do ano pasado.
Se cadra este dato pode vir motivado porque o ano 2017 foi o que rexistrou un maior número de nacementos desde que abriu o Álvaro Cunqueiro. Da evolución por anos constátase que no ano 2015, desde o primeiro nado o 25 de setembro, naceron 1.025 bebés. No 2016, foron 3.814 os nados. No devandito 2017 rexistráronse 3.928. Desde xaneiro de 2018 ata finais de abril foron 1.082. E no mes de maio, ata o pasado domingo, día 20, 186.
Ademais, nos últimos anos constátase un cambio de tendencia en cando ao sexo dos bebés que nacen na área sanitaria viguesa. O número de nenos é superior ao de nenas, como o demostran os datos de nacementos desde que comezou a funcionar a maternidade no hospital. Un 51,2% dos nados son homes, mentres que as nenas representan o 48,8% do total.