Ademais, tivo un seguimento do 80 por cento segundo os sindicatos e do 47 por cento segundo cifras oficiais do Sergas, que denunciou “algún incumprimento” dos servizos mínimos en determinadas unidades, unha falta “moi grave” que pode provocar un apercibimento.
Todos os pacientes afectados serán reprogramados de xeito inmediato. Desde a dirección do centro médico lamentaron estas repercusións asistenciais. “É un despropósito magnificar e sobredimensionar un conflito laboral deste nivel – baseado exclusivamente na negativa a levar unhas bolsas a uns poucos metros- que indica a máis absoluta insensatez e falta de discernimento”, criticou o Sergas nun comunicado.
Pola súa banda, os sindicatos queixáronse dos “servizos mínimos abusivos, que nalgúns casos chegan a superar ás dotacións dun domingo ou festivo”. Dende a Confederación Intersindical Galega (CIG) consideran que as TCAE “veñen de demostrar na xornada de hoxe a forza que teñen, deixando moi claro que o conflito, lonxe de estar superado, sitúase no momento máis duro con catro xornadas de folga convocadas (18, 21, 25 e 28 de xuño)”.
Intensificar as mobilizacións
Nesta situación, tras reclamar comisión de centro a implicación do conselleiro de Sanidade mediante unha petición de xuntanza por escrito, “obtivemos o silencio por resposta”.
Finalmente, adiantan que as integrantes do colectivo afectado, lonxe de baixar o ton das protestas, “están dispostas a intensificar as mobilizacións e levalas até onde faga falta”.