Nesta “indispoñibilidade de persoal eventual” coinciden dúas causas, segundo os responsables sanitarios. En primeiro lugar, gran parte das enfermeiras das listas xa están contratadas, cubrindo as ausencias do cadro de persoal por diversas situacións administrativas. Cabe subliñar o alto índice de substitución deste colectivo por Incapacidade Temporal. “Na área de Vigo, as IT da enfermaría, en xeral, é dun 9,64%, pero chega a acadar un 15% no grupo de interinos. A isto hai que engadirlle tamén as coberturas das ausencias por permisos e reducións de xornada”, explican desde a EOXI.
A outra causa esgrimida é a convocatoria do exame da Oferta Pública de Emprego do Sergas para o próximo 12 de maio, ao que se presentan a práctica totalidade das enfermeiras das listas. En consecuencia, priorízase a preparación dos exames sobre as contratacións laborais.
Garantir a continuidade asistencial
Segundo a EOXI, trátase dun “episodio conxuntural” pero que obriga a establecer unha serie de medidas para minimizar as súas posibles repercusións e garantir a continuidade asistencial.
Nestes momentos as solucións que se adoptarán pasan pola resignación de efectivos segundo as necesidades; a habilitación do persoal de fóra das listas; a cobertura das ausencias con autoconcertación do persoal propio; a realización de quendas adicionais retribuídas; xornadas complementarias nos PAC e prolongación de xornada en Atención Primaria; a oferta de pasar de contratos de tempo parcial a tempo completo de xeito voluntario; denegación de permisos -de Dias de Libre Disposición, de permisos sen soldos e de redución de xornada-; e denegación das suspensións de chamamento nas listas.
A xerencia agarda recuperar a normalidade a mediados de maio e “agradece a colaboración e a boa resposta do persoal ante estas medidas”.