O acto de despedida estivo presidido polo xerente da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Vigo, Félix Rubial, que felicitou en primeiro lugar aos novos especialistas, aos que animou a “empregar a formación recibida en manterse comprometidos cun dos piares fundamentais do estado do benestar como é a sanidade pública e universal”.
Ademais, subliñou que “contamos xa nestes momentos cun grupo importante de formadores que dedican boa parte do seu tempo para achegar os seus coñecementos para os novos especialistas”, en referencia ao importante cadro docente co que xa conta a EOXI de Vigo. A docencia é unha das liñas de actuación do Plan Estratéxico que está en vigor na área sanitaria de Vigo
Durante o acto impartiuse unha lección maxistral, que este ano correu a cargo do doutor Julio Montes, especialista en Medicina Interna, que falou sobre ‘Celebridades e saúde: claroscuros dunha controversia’.
Os novos especialistas recibiron unha copia da orla oficial, ademais dun agasallo institucional da EOXI de Vigo.
Premios de investigación
No transcurso do actos fíxose entrega, ademais, os premios Rosa Díaz á investigación dos residentes durante a súa etapa de formación, que recoñecen as mellores publicacións en revistas especializadas e mellores sesións clínicas xerais.
O primeiro premio foi para Mariña Gándara Cortés, residente de Anatomía Patolóxica, polo seu traballo “Discriminación de subtipos de cancro de mama usando inmunohistoquímica e análise de imaxe dixital”, publicado en Virchows Arquives.
O segundo galardón recaeu en Marinha Costa Rivas, residente en Oncoloxía Médica, polo seu traballo “Quimiorradiación para tumores pulmonares de células non-pequenas en estadio III con Cisplatino, Vinorelbine e radioterapia torácica: un estudo en fase II do grupo de tumor pulmonar galego”, publicado na revista Clinical and Translational Oncology.
E para o terceiro posto o xurado elixiu dous traballos diferentes. Por unha banda distinguiu a José Luis Thenier Villa, residente de Neurocirurxía, polo seu traballo “Reosificación incompleta despois de cirurxía de craniosinostosis, incidencia e análise dos factores de risco: un estudo clínico-radiolóxico”, publicado na revista Journal Neurosurgery Pediatrics. E doutra banda, a Rafael Cobas Paz, residente de Cardioloxía, polo seu traballo “Asociación entre os escores de risco isquémico e de sangrado e o uso dos novos inhibidores plaquetarios en pacientes con síndrome coronaria agudo”, publicado na Revista Española de Cardiología.