Os e as motoristas terán a ocasión única de descubrir puntos de grande interese paisaxístico e tamén poderán admirar boa parte do noso patrimonio histórico. Ademais de degustar produtos locais tradicionais como as rosquillas de Ponteareas ou o requeixo das Neves.
Chegados de distintos puntos da xeografía española e portuguesa, os participantes tomarán esta fin de semana o noso concello grazas á iniciativa do ponteareán José Manuel Peixoto que, co apoio de voluntarios e colaboradores, deseñou unha ruta de asfalto e outra de modalidade trail para que, independentemente do tipo de moto, todos e todas as afeccionadas puideran participar.
A ruta de asfalto percorrerá na xornada do sábado 330 quilómetros e na do domingo 121 quilómetros, mentres que a trail fará 276 quilómetros na mañá e tarde do sábado e 111 quilómetros na mañá do domingo. As dúas alternativas partirán o sábado ás 10:00 horas de diante do concello e rematarán no Paseo Matutino na cafetería Balú para cear no Centro Artístico Sportivo e gozar coa actuación de Manquiña no Jota.
O domingo as motos arrancarán as 09.00 horas dende o Paseo Matutino para percorrer a fondo algunhas parroquias do noso concello e algúns concellos veciños da nosa comarca e de Portugal. A xornada remata ao mediodía no centro de interpretación co río Tea (CITEA), no que reporán enerxías e apreciarán a música de Voces do Arrieiro. Pero esta non é a única actuación musical, xa que tamén actuará Gabriel Cracium e estará presente a música de Loop Discomóvil en diferentes puntos da ruta.
O Concello de Ponteareas porá a disposición dos participantes o pavillón do instituto Val do Tea para pernoctar na noite do sábado para o domingo.