«Que os montes estivesen limpos permitiu que o pavoroso incendio do ano pasado fose moi menor porque os montes comunais estaban limpos, non así os montes privados», sinalou este luns o alcalde de Vigo, Abel Caballero, quen anunciou as medidas.
Ademais, bombeiros, comuneiros e técnicos forestais levarán a cabo desde este martes unha campaña de sensibilización entre os máis pequenos. O rexedor asegurou que «esta nova acción está dirixida a toda a poboación, especialmente coa xente nova para a sensibilización no momento máis importante».
A terceira iniciativa será a construción do anel verde que permita recuperar os bosques autóctonos e que serva tanto de cortalumes como de vía de servizo para os traballos de extinción.
«Iniciaremos de inmediato as plantacións para esta actuación, agora non hai nada, é intolerable, pero imos facer 100 metros de defensa, 50 de lado con especies nobres cunha separación para que non poida saltar o lume dun árbore a outro», afirmou.
Este anel verde contará con outras dúas zonas de 22,5 metros cada unha, con especies autóctonas, e no medio un camiño de 4 a 6 metros de ancho para poder circular, tanto camións de limpeza como de extinción de incendios.
«Tardamos unhas 15 horas en extinguir o incendio de Vigo, a única zona de Galicia que extinguiu o feroz lume cos seus propios medios. Bombeiros, Policía Local, Nacional, Autonómica, Nacional, Protección Civil, voluntarios… todos traballaron xuntos», explicou o alcalde antes de asegurar que «cos novos camiños, estaría todo extinguido en cinco horas».
Humanización da rúa Bueu
Caballero fixo este anuncio durante unha visita á rúa Bueu, no barrio de Coia, onde se rematou a primeira fase da súa humanización, que contou cun orzamento de 825.000 euros, e que incorporará un parque biosaudable.
A actuación continuará cunha segunda fase que arrancará proximamente.