Segundo explica a técnica Rosa Pérez, responsable da Unidade de Artrópodos, moitas árbores sufriron roturas de ramas de grandes dimensións acompañadas de rachos irregulares que, ou ben afectan a parte do fuste ou tronco, ou ben deixan un toco que pode podrecer co paso do tempo. O consello fitosanitario, pois, indica que os rachos deben ser limpados e reparados e os tocos eliminados, aplicando despois destas operacións produtos cicatrizantes con funxicidas para evitar a entrada de patóxenos a través das feridas.
En canto aos cítricos, Pérez explica que as choivas e humidade favorecerán as infeccións por patóxenos moi ligados á auga (como a Phytophthora hibernalis), polo que indica que é moi importante recoller tanto os froitos caídos ao chan como os podres que permanecen na árbore e destruílos para evitar novas contaminacións. Tamén se debe evitar calquera acumulación de auga no contorno das raíces, favorecendo a saída mediante zonas de drenaxe. Proponse tamén a posibilidade de actuar preventivamente nos limoeiros ou mandarinos, laranxeiros ou pomelos con diferentes produtos específicos.
Para as froiteiras en xeral -tanto nas de pebida como nas de óso ou no kiwi- sublíñase que será conveniente, tan pronto o clima o permita, aplicar un dos tratamentos cúpricos que se recomendan no inverno.
Sobre o buxo, advírtese que as mesmas condicións de elevada humidade poden favorecer o desenvolvemento do fungo Cylindroclaudium buxicola, que causa serias defoliacións nestas plantas. “Por este motivo débese incrementar a vixilancia sobre as sebes de buxo, retirando posibles follas secas e favorecendo a aireación das plantas. Se ademais se detectasen síntomas da presenza do fungo, débese aplicar un tratamento funxicida, destaca.
Couza da pataca
A Estación do Areeiro está a recibir consultas de diferentes agricultores sobre a ‘couza guatemalteca da pataca’ (Scrobipalpopsis solanivora) da que nestes días se está a falar nos diferentes medios de comunicación.
Os técnicos aseguran que “de momento esta praga non está detectada en ningún concello da provincia de pontevedra, e de feito a súa presenza está restrinxida a 31 concellos do norte das provincias de A Coruña e Lugo”. Remiten, así mesmo, as consultas para coñecer os concellos afectados no enlace ao DOGA do luns 6 de febreiro.