Esta actuación enmárcase na intensa campaña informativa que se está a levar a cabo a raíz da activación deste protocolo de seguridade. Así, unha vez completadas as obras de instalación do sistema, co que se dá cumprimento á normativa, o comité de implantación en colaboración co Concello elaborou unha serie de carteis e trípticos informativos nos que se recollen as zonas inundables, os puntos de encontro e as recomendacións á poboación.
Asemade, programáronse dúas charlas informativas, a primeira delas celebrada o pasado día 11 de decembro á que asistiron membros da Corporación municipal e representantes das asociacións veciñais, e unha segunda que terá lugar este luns ás 17.30 horas na Casa da Cultura de Baíña á que están convocados os veciños da zona de afección.
Previamente ao simulacro que terá lugar o vindeiro 18 de decembro, celebrarase unha mesa técnica composta por persoal de Augas de Galicia, membros de Protección Civil e das agrupacións de voluntarios, dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais, da Garda Civil, da Policía Local e técnicos municipais.
En Galicia, actualmente hai 41 plans de emerxencia de presa aprobados. Os obxectivos que se perseguen con este tipo de plans é ter definidas as estratexias para facer fronte a situacións que comporten risco de rotura ou avaría grave, coñecer as zonas que quedarían anegadas en caso de rotura, e ter previstos os sistemas de aviso tanto á poboación, como aos organismos xestores de Emerxencias. Son plans que buscan estar o mellor preparados posible para situacións que comporten riscos nestas instalación, e deste xeito garantir a seguridade dos cidadáns do entorno.
Aposta pola prevención
Desde a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior queren subliñar a importancia que teñen este tipo de exercicios, xa que dan a coñecer á poboación da zona as medidas de autoprotección a aplicar en caso dunha emerxencia destas características, ademais de mellorar a coordinación efectiva entre as administracións e as empresas para garantir a seguridade na zona.