En Freestyle Breaking -combinación de rompementos, ata dez e nun tempo máximo de dous minutos-, houbo dobrete coa prata de Miguel Barreiro e o bronce de Adrián Alonso, ambos pertencentes ao club vigués Yidam. Barreiro estivo case perfecto –só fallou un rompemento- e a altura que alcanza da moitísima espectacularidade. Pola súa banda, Alonso tamén destacou pola potencia que ten ao facer as súas acrobacias.
En High Kick Performance -a patada máis alta- Barreiro, o máis destacado do día, acadou outra medalla de prata. Tras partir de 2,30 metros, a dificultade foi subindo pouco a pouco ata chegar aos 2,65 metros. Barreiro, ademais, foi seleccionado para formar parte do equipo de exhibición da Federación Mundial do 1 de xullo ao 31 de decembro.
Na modalidade de parellas, o ouro foi para o dúo formado por Sandra Gardini e Adrián Alonso (Yidam), que abraiaron ao público coas súas acrobacias. Ademais, o tándem composto por Aitor Priego e Eirim Vaamonde (Yidam) obtivo o bronce.
Ademais, Eirim Vaamonde logrou a medalla de bronce en freestyle + 17 feminino. Vaamonde arriscou na final para tentar subir posicións, cunha rondada mortal, que era a primeira vez que a incluía nun exercizo. Non saíu perfecta, pero fixo un gran traballo que foi recompensando cun terceiro posto.
En quintetos, Tailandia logrou a medalla de ouro, mentres que o quinteto galego (Eirim Vaamonde, Aitor Priego, Miguel Barreiro, Sandra Gardini e Adrián Alonso, do Yidam) foi prata e Italia –que o día antes non participara na demostración- acadou o bronce.
Gran papel do Hebe moañés
Igualmente, o club moañés Hebe completou unha grande actuación en Grecia, traendo o ouro tras vencer na Copa Presidente de Atenas por medio de Tania Castiñeira no peso pesado da categoría júnior feminina, ademais de clasificarse para o Campionato de Europa sub 21.
Castiñeira gañou todos os seus combates con folgura. Comezou a súa marcha pola President Cup contra a grega Eirini Tsogka e venceu cun contundente 17-5. En segunda rolda esperaba a turca Dilara Arslan, que está clasificada para os Xogos da Xuventude. Pero Tania seguiu intratable e gañou por 16-4. Nos cuartos de final, a rival era a rusa Linara Muslimova e novamente control absoluto da deportista do Hebe que se impuxo por 9-3. Na semifinal, Tania impúxose a Sevasti Gavriilidou (Grecia) por 11-4. E rematou a súa actuación en Atenas, co quinto e último combate fronte a Tuba Donukara (Turquía) a quen venceu por 6-2.