Unha forte chuvieira acompañou aos equipos participantes en categoría elite, nunha competición disputada en formato de contrarreloxo na que o traballo en equipo era fundamental, con equipos de entre catro e seis contendentes enfrontándose a un circuíto composto por 750 metros de natación no río Lérez, 19 quilómetros ciclistas polos arredores da Ponte dos Tirantes e cinco quilómetros finais de carreira a pé que discorreron pola ribeira pontevedresa.
A expectación estivo servida ata o final na proba feminina, con varios equipos inmersos na pugna por alzarse co título en xogo. Finalmente, as representantes do Tríatlon Ferrol alcanzaban a vitoria parando o crono en 01:09:13. Un axustado final no que as mozas do Cidade de Lugo Fluvial obtiñan o subcampionato ao acabar en 01:09:17 e as integrantes do Fasttriatlon-C.N. Montjuic adxudicábanse a medalla de bronce cun tempo de 01:09:19.
En elite masculina o triunfo sería para os mozos do Universidad de Alicante, que por segundo ano consecutivo marcaban o mellor rexistro (57:53). A segunda praza sería para os galegos do Cidade de Lugo Fluvial, mentres que o equipo madrileño do C.T. Diablillos de Rivas redondeaba a xornada subindo ao terceiro banzo do podio.