Na gala participarán aproximadamente 230 deportistas de idades comprendidas entre os 3 e os 67 anos, que realizarán un espectáculo de hora e media de duración. A gala terá un fío condutor que nesta oportunidade será unha homenaxe as novas xeracións do taekwondo, polo que na pista estarán a vez dúas e ata tres xeracións dunha mesma familia practicando o deporte da súa vida. Nesta gala tamén participará como club invitado o Yidam CEIP-Balaídos, que preparou unha sorpresa para este evento. Ademais das espectaculares actuacións das e dos deportistas sobre o tapiz, a luz e o son ocuparán un papel estelar na gala do sábado.
O evento é gratuíto, pero para acceder á instalación é necesario portar unha invitación que permitirá o acceso ao pavillón ata encher o aforo. No ano 2010, o Tao celebrou o 25 aniversario e á gala de exhibición asistiron 4.000 persoas, que encheron As Travesas e gozaron das actuacións das e dos nosos deportistas. Esta festa está a converterse nun clásico do taekwondo vigués e galego, nunha cita máxica cada cinco anos (2005, 2010 e 2015).
O Tao abriu as súas portas o 1 de outubro do ano 1985 e comezou como un ximnasio no que o taekwondo era a súa principal actividade. Xa naqueles inicios estaba Miguel Meilán, como un dos socios fundadores, e con el e o seu traballo o club foi medrando ano a ano e acadando magníficos resultados deportivos.
En todos estes anos, foron moitos los logros conseguidos nas tres modalidades (combate, técnica e exhibición). Así destacan, entre outros, Ana Belén Fernández Valtuille, que foi campioa da Copa do Mundo, campioa do Mundo Universitaria e subcampioa do Mundo absoluta; Andrea Rica, campioa de Europa júnior, bronce no Campionato do Mundo absoluta e campioa de Europa por equipos ou Fernando Rascado, bronce no Mundial Universatario e campión de España absoluto. Ademais, Nerea Alamancos e Samuel Meilán son subcampións de Europa de técnica e bronce no Mundial de técnica. Na modalidade de exhibición, o Tao é o club máis laureado de España: trece veces campión de España, campión do primeiro test europeo de Exhibición, campións do mundo da WTKA e máster de ouro en Marsella.