Bailarines de Vigo, pero tamén do resto da comunidade autónoma, Madrid e nomeadamente de Portugal, darán ao evento un novo récord de participación, ao acadarse a cifra de 430 inscritos, trinta máis que o ano pasado. «Preocupábanos a coincidencia co Entroido, pero a resposta foi espectacular, estou moi satisfeito», afirmaba Miguel Abreu, director do trofeo presentado hoxe polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández.
O edil socialista felicitou a Abreu polo serio traballo organizativo -mobilizarán a unha veintena de persoas a fin de que todo saia perfecto- e lembrou a importancia do patrocinio municipal para que este evento continúe a crecer. Ademais, apuntou que o torneo é «un gran espello para nenas e nenos do programa municipal de escolas deportivas» que dirixe en Bouzas outra entidade da cidade, o club Al Compás, con máis dunha treintena de alumnos.
Fernández valorou tamén que se cumpren vinte anos dende que a cidade foi referencia galega ao celebrarse a primeira edición do Cidade de Vigo (era só baile deportivo) sendo naquel momento o primeiro de gran categoría na historia desta modalidade en Galicia, e que agora Abreu oferta un «Open internacional de gran nivel», dixo, para que Vigo continúe como referente en baile deportivo, pero tamén en danza e hip-hop.
A competición do Cidade de Vigo inclúe hip-hop, baile deportivo (standard e latinos), ritmos caribeños e danza coreográfica. Serán 160 bailarines en grupos de hip-hop (esta disciplina arrinca ás 11:00) e cen parellas para baile deportivo (latinos: samba, merengue, jive, tango, quickstep, chachachá, pasodoble e rumba; standard: vals lento, tango, quickstep, slow fox e vals vienés), que comezará ás 14:00 horas, e 20 bailarines para ritmos caribeños (merengue, salsa e bachata).
A organización fixou o prezo da entrada xeral en 7 euros, con 4 euros para os xubilados e acceso libre para os menores de 10 anos.