A deportista do Mar de Vigo chegaba nun gran momento de forma a esta proba, despois dun verán de moito traballo coa súa guía e da man do seu adestrador, Luis Piña. E todo iso veuse reflectido na proba de este sábado.
Susana e Paula fixeron en Gold Coast unha proba case perfecta. Na natación saíron por diante as B1 (que teñen 3:42 de vantaxe polo seu factor), pero a unha distancia asumible de remontar. Por iso o máis importante, e que estaban moi igualadas coa que en principio era a favorita e principal rival, a británica Alison Patrick.
Na bicicleta, o tandem galego comezou a recortar ás B1 (Canadá e Italia), á vez que conseguían ir sacando escasos, pero moi importantes segundos, a Alison Patrick (campioa de Europa 2018, por diante de Susana) e a australiana Katie Kelly (campioa do mundo 2017). Así chegaron á segunda transición cuns 20 segundos de vantaxe.
Na carreira a pe non só consolidaron a diferenza, senón que foron quen de incrementala ata chegar a meta con máis dun minuto de distancia sobre Alison Patrick. Susana Rodríguez proclamouse campioa do mundo cun tempo de 1:03:32, mentres que Patrick foi prata (1:07:37) e Katie Kelly logrou o bronce (1:09:02).
Susana, ao remate da proba, amosaba a súa satisfacción polo título e a actuación: “Sabíamos que estábamos en moi bo estado de forma, pero tiñamos rivais moi difíciles, ás que nas últimas probas non conseguimos vencer. Fixemos a carreira perfecta, dende a natación, para superalas”. Agora toca “gozar do triunfo, vacacións e, obviamente, seguir traballando para o noso gran obxectivo que son os Xogos de Tokio”. Susana lograra o título de campioa do mundo no ano 2012 en Auckland (Nova Zelanda).
E non foi o único metal galego do día. O tudense Gustavo Rodríguez (Tri-Penta Terras de Lugo), que ía como guía do valenciano Héctor Catalá tamén na categoría PTVI (masculina), subíu ao podio para recoller a medalla de bronce.
Gustavo leva moi pouco tempo nesta aventura que lle chega da man de Catalá, pero ten moita ilusión, xa que enfrontan o reto de acadar a súa clasificación para os Xogos Paralímpicos de Tokio. Un fermoso e ambicioso obxectivo. De inicio, acadaron hai dúas semanas o título de campións de España na Coruña e agora o bronce mundial.
Na proba deste sábado, Catalá e Gustavo estiveron dende o inicio en posto de podio e non moi lonxe dos deportistas que ían por diante, pero ao final non puideron alcanzalos. O ouro foi para o británico Dave Ellis (59:51), con Aaron Scheidies (USA) na segunda posición (01:00:11) e Héctor Catalá, terceiro (01:00:30).