O alcalde de Baiona, Ángel Rodal, e os concelleiros de Deportes e Actividades Marítimas, María Jesús Martins e Raúl Costas, reuníronse este xoves co responsable do equipo baionés, Coque Araújo, para coñecer os novos modelos e as probas que se levarán a cabo durante este días.
“A baía de Baiona xa é considerada como a capital do Paddle Surf polos súas inmellorables condicións para a práctica deste deporte e a decisión de Starboard de facer aquí as probas ven a confirmalo”, sinalou Ángel Rodal.
A firma Starboard, líder mundial na especialidade, confiou os primeiros ensaios ao equipo baionés de Waira, habitual colaborador, e nos vindeiros días varios dos integrantes levarán a cabo probas de mar para testar os novos modelos.
“Este ano, da man de Waira, Starboard enviou a Baiona un avance dos modelos de competición que se utilizarán durante a tempada 2018, a partir de febreiro-marzo. O motivo é aproveitar as perfectas condicións que serven de escenario para o Campionato de España, coñecido por ser un percorrido esixente e moi completo, de forma que as táboas poidan ser probadas a fondo polo equipo de Waira en todas as condicións que ofrece Baiona antes de ser comercializados os modelos definitivos”, explica Coque Araújo.
Starboard é a marca líder mundial de táboas de Stand UP Paddle (Paddle surf), non só polas súas vendas, se non porque ocupan case sempre os primeiros postos nas regatas de todo o planeta, froito do labor de desenvolvemento dos seus modelos de competición. “Por algo o equipo Starboard suma case os mesmos puntos que a suma dos dous que lle seguen no ránking mundial”, engade Araújo.
Baiona xa foi sede en varias ocasións do Campionato de España de Stand UP e o pasado mes de xullo tamén recibiu a visita do aventureiro Antonio de la Rosa durante a súa volta á Península Ibérica en Paddle Surf.