1.100 entradas serán destinadas a escolares de colexios públicos a través da Federación de Asociacións de Nais e Pais, 200 para escolares de centros concertados da cidade, 35 quedarán distribuídas entre persoas afectadas por discapacidade psíquica e menores residentes en centros de acollida, 245 distribuídas entre persoas en situación de desemprego e 20 entre voluntarios e movementos sociais que cooperan co Concello de Vigo.
O alcalde explicou que o obxectivo desta «grada cidadá», que financian o Concello e o Celta ao 50%, é facilitar o acceso aos partidos a persoas que por distintas razóns non poden facelo pola súa conta coa características de que «nunca repiten os beneficiarios» porque se van rotando os destinatarios.
Convenio co Rápido de Bouzas
No ámbito deportivo, a Xunta de Goberno Local tamén aprobou o convenio de colaboración coa Entidade Deportiva Rápido de Bouzas para regular a utilización da instalación municipal do campo de fútbol que o Concello lles cede en uso para que a entidade poida desenvolver o seu programa deportivo. Segundo apuntou o rexedor, o Concello asume o pago do canon pola ocupación dos terreos onde se sitúa o campo á Autoridade Portuaria de 40.000 euros anuais, polo que apelou a «repensar a colaboración do Porto coa cidade», tendo en conta que «considera ilóxico» que se lle pague esa cantidade «a cambio de nada», engadindo que a situación se repite no caso o IES de Bouzas. Quedou aprobada tamén a proposta de adxudicación do expediente de contratación das obras de mantemento e reparación dos campos de fútbol municipais de Comesaña e do Meixoeiro por un importe de 62.000 euros e 43.000 euros.