A ruta sairá ás 10:30 horas desde a área de lecer do Centro Deportivo, Social e Cultural As Pedriñas, que será tamén o lugar de retorno no que ademais haberá unha churrascada agardando aos asistentes.
O percorrido terá unha lonxitude de 8 quilómetros de dificultade media cunha duración estimada de dúas horas e media. Á metade da andaina entregarase unha mochila con auga e froita como avituallamento.
Na andaina atravesaranse os montes que estarían afectados polo proxecto do club vigués, co obxectivo de “apreciar todo o valor que aporta o monte á nosa vida”. Coa iniciativa tamén se pretende recadar fondos, xa que, segundo din, as comunidades están a incorrer nuns “gastos extraordinarios para defender o monte e as augas deste atentado ecolóxico”.
Por iso, participar na ruta terá unha doazón asociada de 5 euros e a churrascada con chourizo e viño terá un custe de 8 euros por persoa. Para asistir, é suficiente con reservar unha hora antes pero para estar na churrascada é preciso inscribirse antes do xoves 7 nas Pedriñas.