O que máis molesta a estes colectivos de afeccionados é que o Celta pretenda prohibir a entrada en Balaídos de seguidores con símbolos distintivos do Sporting en calquera bancada salvo a coutada para a afección visitante. Estas peñas cren que con esta medida está a darse un paso máis na ciminalización dos afeccionados ao fútbol.
Lembremos que o Celta se escudou na normativa para non vender entradas aos afeccionados do Sporting de Xixón. Nun primeiro momento, o club ofreceu 200 localidades ao conxunto asturiano e este rexeitounas ao considerar que eran insuficientes para cubrir a gran demanda. O Celta esgrimiu que as obras que se están executando en Balaídos impiden habilitar máis asentos para os afeccionados rivais.
Finalmente, esta semana decidiu despachar entradas só aos afeccionados do Celta e anunciou que prohibiría o acceso a Balaídos a persoas vestidas coa camiseta do equipo asturiano.
Nos últimos días viviuse unha guerra de comunicados entre ambos os clubs. O Sporting decidiu que non acudirá representación oficial ao palco de Balaídos, tras queixarse do «menosprezo» á súa afección e tachar a medida do Celta de anticonstitucional.
Está previsto que un bo número de afeccionados do Sporting viaxe a Vigo a pesar de non ter garantida a súa presenza en Balaídos. A afección do Celta xa anunciou que os recibirá cos brazos abertos pese ao enfrontamento entre os clubs.