O alcalde de Vigo participou este luns na presentación da Challenge Cup e puxo en valor o «espectáculo de forza e de capacidade de superación» que ofrece o baloncesto en cadeira de rodas e que se poderá gozar esta fin de semana na cidade. Na presentación do evento deportivo, estivo acompañado por Marta Míguez Telle, ecretaria xeral para o Deporte; David Regades, segundo tenente de alcalde e deputado provincial; José Antonio Beiro, presidente do Club Deportivo Amfiv, e polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández.
O Amfiv organiza por primeira vez a Challenge Cup, a cuarta competición da Federación Internacional de Baloncesto en cadeira de rodas, sendo a terceira vez que se encarga dunha fase final das copas de Europa trala Willi Brinkmann de 2006 e a André Vergauwen de 2009. A competición europea enfrontará a 18 equipos ao longo de tres días nos pavillóns municipais de Navia e Bouzas (Pavillón Pablo Beiro) con entrada de balde grazas ao patrocinio do Concello.
O Amfiv xogará enfrontarase na Challenge Cup con equipos de Holanda, Gran Bretaña, Francia, Turquía, Suíza, Alemaña e República Checa, nun campionato que mobilizará a medio cento de persoas para que a organización sexa perfecta e que contará co apoio de numerosos voluntarios do Baloncesto Seis do Nadal.
O rexedor agradeceu o apoio de empresas e institucións á Challenge Cup e amosouse confiado nas posibilidades do Amfiv para facerse coa copa. Tamén convidou a toda a cidadanía a achegarse a Navia Bouzas para gozar deste «deporte excepcional e do máximo nivel».
Pola súa banda, a máxima responsable do deporte a nivel autonómico destacou a importancia deste evento “polo potencial que posúe o deporte para persoas con discapacidade para acadar a integración do deportista, o seu posicionamento na sociedade e a súa inclusión efectiva, a visibilidade e a transcendencia que ten na sociedade e no deporte, así como a promoción do baloncesto en cadeira de rodas e outras actividades que cheguen a toda a masa de practicantes com oa creación das escolas deportivas”. Concretamente, a secretaria xeral destacou o baloncesto de cadeira de rodas como un deporte no que “non se establece diferencia entre xéneros”.
A titular de Deporte galego destacou tamén a repercusión mediática que terá a Challenge Cup na que “se poderán ver a oito dos mellores equipos de baloncesto en cadeira de rodas de toda Europa entre os que estará o Amfiv”. Respecto da Asociación de Minusválidos Físicos de Vigo, Marta Míguez dixo que “é unha garantía de éxito” que esta asociación “organice un evento de tanta magnitude, pola experiencia demostrada”.
Contra a final do seu discurso, a secretaria xeral apuntou que no mes de abril “a sociedade galega poderá gozar do mellor baloncesto en cadeira de rodas coa mellor afección”. Unha oportunidade inmellorable, dixo, “para mostrar a nosa Comunidade a todo o tecido deportivo que vén de fóra e a posibilidade de mostrar o noso patrimonio como o equipo da AMFIV que será o noso mellor representante”.