As entradas están á venda a través das canles habituais da entidade, en www.ataquilla.com ou ben no teléfono 902 504 500, para todas aquelas persoas que non tivesen adquirido o abono para a tempada que supón un aforro do 20 % con respecto ás entradas individuais. Este concerto está encadrado na iniciativa «Quedamos no palco, quedamos coa clásica» que permitirá acudir de xeito gratuíto a nenos de ESO e bacharelato. Aqueles centros educativos interesados deberán, desde 10 días antes de cada concerto, solicitar os bonos a través do teléfono 988 391 746 ou no correo electrónico quedamosnopalco@afundacion.org. Ademais, as persoas con 35 anos ou menos gozan da oportunidade de conseguir as entradas na billeteira media hora antes de cada concerto a un prezo reducido coa finalidade de promover este tipo de espectáculos entre o público novo.
A Real Filharmonía de Galicia iniciou a súa actividade en 1996 no Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela, onde presenta a súa tempada estable de concertos. Ademais do mestre compostelán Maximino Zumalave, director asociado e vinculado á RFG desde o seu inicio, e de Christoph König, principal director invitado, tamén dirixen a orquestra outros directores como Frans Brüggen, Juanjo Mena, David Afkham ou Hansjorg Schellenberger, entre outros. Do mesmo xeito xunto á RFG actuaron os mellores intérpretes, por exemplo Frank Peter Zimmermann, Daniel Hope ou Vadim Repin (violín), Natalia Gutman, Lluís Claret ou Enrico Dindo (violoncello), Joaquín Achúcarro, Rudolf Buchbinder ou Eldar Nebolsin (piano) e cantantes como Teresa Berganza, Thomas Quatshoff ou Matthias Goerne.
Como actividade externa, a presenza nas cidades galegas, así como no resto de España, é de capital importancia, do mesmo xeito que as xiras internacionais que realizou (Austria, Alemaña, Francia, Brasil, Arxentina e, especialmente, Portugal). Paralelamente, a vocación pedagóxica da RFG tradúcese en actividades dirixidas aos futuros profesionais da música, a través da Escola de Altos Estudos Musicais, que imparte o Curso Avanzado de Especialización Orquestral, cos músicos da RFG como profesores. Tamén organiza concertos didácticos para nenos co Auditorio de Galicia, o que posibilita que cada ano ao redor de sete mil escolares poidan coñecer mellor a música sinfónica. A RFG está xestionada administrativamente polo Consorcio de Santiago e forma parte da Asociación Española de Orquestras Sinfónicas (AEOS).