Pablo Dopico, voz e guitarra do grupo e estudante de Maxisterio, agradeceu á Universidade a oportunidade de subir a un escenario e tocar cara ao público, unha experiencia difícil de desenvolver para grupos como o seu. Músico afeccionado desde que aos trece anos se xuntara con Carlos Mosquera, a outra guitarra deste cuarteto, Cool Cucumbers constituíuse como cuarteto hai tres anos. Era a primeira vez que participaba no programa Ensaiamos.
A Universidade de Vigo ofrece un lugar onde ensaiar e parte do equipo de son necesario. A Vicerreitoría de Extensión Universitaria organiza cada ano esta actividade co obxectivo de axudar na produción da música propia e impulsar a súa difusión. Estes dous fins reflíctense nun máis importante que é a formación de axentes culturais propios nos seus lugares de orixe, grazas á formación alcanzada.