O baionés DJ Yaggo regresou a súa terra tras as súas citas no panorama internacional e foi o encargado de abrir o festival gratuíto que organiza o Concello de Baiona e que nesta ocasión ampliouse a dous días (18 e 19 de xullo). A continuación foi o momento de Groove Amigos e posteriormente de Ludwig Van Brothers, tamén de Baiona e con gran proxección lonxe das nosas fronteiras, pechando a gran actuación da primeira xornada con DJ Fonsi Nieto.
O expiloto de motociclismo ofreceu todo o seu repertorio e fixo bailar ao público ata altas horas da madrugada. Con versións de cancións moi coñecidas de grupos como Guns N’Roses ou Rolling Stone, o paso de Fonsi Nieto polo escenario converteuse nunha sesión de música electrónica para todas as idades.
Pero este ano o festival aínda promete máis este mércores, posto que o Concello programou dous días de actuacións. Así, mañá a hora de apertura será ás cinco da tarde e o peche ás cinco da madrugada. Nesta ocasión, os encargados de saltar ao escenario en primeiro lugar serán Traffic House. Posteriormente, chegarán DJ Ángel Vakeiro e Gabry Domínguez, mentres que o prato forte será con Abel Ramos e Olga Ryazanova. O telón da cuarta edición do Frades Sunset correrá a cargo de DJ Yaggo. Ademais, Pablo Méndez animará a festa coas súas performance.
“Este ano ampliamos o Frades Sunset a dous días porque queremos ofrecer ao noso público razóns para quedarse en Baiona e desfrutar da nosa Vila cun festival que xa é un referente en toda Galicia”, apuntou María Iglesias, concelleira de Cultura.
Despois de tres anos repetindo éxito tras éxito, as concellerías de Cultura e Turismo, coa colaboración da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (Aceba), deseñaron un atractivo cartel para converter a praia dos Frades no epicentro da música electrónica.