Ambos estarán presentes na charla-coloquio que terá lugar despois do visionado da ópera, á que tamén se incorporará o director do proxecto, Óscar Doviso. As entradas están dispoñibles a través das vías habituais da entidade: na páxina web Ataquilla.com ou no teléfono 902 504 500.
A ópera rock The rebel (O rebelde)
The Rebel (O Rebelde) xira en torno á figura de Pàdraig Pearse (interpretado por Fernando Dacosta), poeta, mestre, avogado e líder do Alzamento de Pascua irlandés. Tras ler a declaración de independencia nas escaleiras da oficina postal de Dublín, Pearse é apresado e condenado nun consello de guerra a pena de morte por fusilamento xunto co seu irmán William (interpretado por Javier Octavio de Toledo), que deixa unha vida de artista en París para loitar a carón do seu irmán, e outros integrantes do movemento. Os dous poemas máis importantes de Pàdraig Pearse foron feitos desde a súa cela a escasas horas do seu fusilamento, un dedicado a súa nai e outro á beleza da vida.
Aínda que naquel momento os irmáns Pearse loitaron por unha causa perdida, plantan a semente para que, anos despois, a súa nai (interpretada por Mela Casal) consiga, a través das urnas, o recoñecemento polo que os seus dous fillos perderon a vida.
O personaxe de Pàdraig interactúa co público nas pezas teatrais, dirixidas por Elena Seijo (integrante de Sarabela Teatro), e convive tamén no escenario coas bailarinas integrantes do grupo Irish Treble ou co propio cantante Iván Caride.
A rodaxe da curtametraxe foi feita integramente en Galicia, concretamente no Mosteiro de Oseira (Ourense), na costa de Loiba (A Coruña) e en Goiáns (Pontevedra), emulando as paisaxes e localizacións orixinais de Irlanda e París a comezos de século.
O espectáculo foi gabado polo propio embaixador de Irlanda en España, David Cooney, e está incluído no libro conmemorativo do centenario do alzamento. Incluso Enda Kenny, o primeiro ministro de Irlanda, é coñecedor desta ópera rock.