Sairá a escena mañá, 29 de abril, ás 20.30 h, na Sede Afundación de Pontevedra (Augusto González Besada, 2) e o domingo 30 de abril, ás 19.30 h, no Teatro Afundación de Vigo (Policarpo Sanz, 13). As entradas pódense adquirir a través das canles habituais da entidade: na web Ataquilla.com ou ben no teléfono 902 504 500.
O 23 de abril de 1616, acollido á beneficencia dun crego e rodeado de xente pobre e de mulleres de mala reputación, esquecido da corte e de todos, morría un xenio. Vestido cun hábito, na súa última agonía veu a figura dun cabaleiro que o miraba intrépido. Diríase dos seus ollos que brillaban acendidos co fulgor da loucura, mais en realidade o que expresaban era o brillo da inmortalidade. Din que se chamaba Miguel de Cervantes Saavedra, mais, que importa iso? Sexa cal fose o seu nome, a el vai dedicada esta obra dirixida e protagonizada por Rafael Álvarez.