As representacións serán os días 13, 14, 15, 16 e 17 de novembro con dúas funcións diarias en horario de 10.00 e 12.00 h. Máis de 4100 alumnas e alumnos de 3.º e 4.º curso de educación primaria de 73 centros escolares de Vigo e provincia acudirán a ver esta produción en galego de Teatro dos Ghazafelhos.
A obra de teatro Rubicundo, da compañía Teatro dos Ghazafelhos, é unha adaptación do conto homónimo da escritora ceense María Canosa na que tres personaxes interactúan con obxectos, monicreques e bailan e cantan en directo. Conta a historia de Erea, unha nena curiosa e soñadora que ve todas as noites como Rubicundo, un misterioso personaxe enfundado nun gabán e un sombreiro de copa, sae na súa bicicleta desde o seu xardín. Ninguén se fixa nel excepto Erea, que está disposta a chegar ata o final deste misterio.
A produción teatral Rubicundo conta unha historia sobre a amizade, a constancia e a poesía, animando os nenos e nenas a perseguir as súas metas sen sentir límites nin distancias.
A proposta enmárcase dentro das actividades educativas para escolares programadas para o curso 2017 – 2018 que teñen como obxectivo reforzar a formación extracurricular que os estudantes reciben nas súas aulas. Así, a programación deseñada por Afundación promove unha educación en competencias transversais que potencian nos estudantes o talento, a autonomía, a solidariedade, a creatividade, a autoestima ou o traballo en equipo.