Deste xeito e conmemorando o 60º aniversario do triunfo da Revolución Cubana, o Primavera do Cine proxectará un total de 8 obras audiovisuais que van desde 1963 con Soy Cuba ata o 2009 coa curta Los minutos, las horas. Todos os pases serán de balde nos Multicines Norte e, en cada un deles, proxectarase primeiro unha curta e, a continuación, unha longa.
Viva Cuba é unha iniciativa organizada polo Primavera do Cine, pero tamén polo Consulado General de Cuba en Santiago de Compostela, o Consulado General de Cuba en Madrid e o Instituto Cubano del Arte e Industria Cinematográficos (ICAIC). Ademais, na retrospectiva colaboran o Ateneo Atlántico e a Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil.
PROGRAMACIÓN VIVA CUBA
Así, o luns ás 19.50 poderase ver Now!, unha curta que narra a loita polos dereitos civís da poboación negra dos EE.UU nos anos 60, e Soy Cuba, un filme cubano-soviético que mostra a vida na illa pouco antes da revolución. A estrea foi un fracaso xa que non gustou a Cuba nin a Unión Soviética. Durante décadas estivo esquecida ata que en 1995 os cineastas Francis Ford Coppola e Martin Scorsese decidiron poñela de novo en circulación.
Xa o martes ás 19.30 proxectarase a curta documental Por primera vez (1968) de Octavio Cortázar e Lucía (1968) de Humberto Solás. Na primeira documéntase a chegada do cine a unha comunidade rural e conta con Charles Chaplin coma protagonista. No caso de Lucía, móstranse tres episodios da historia de Cuba: A Guerra de Independencia, a década dos anos 30 e a dos anos 60 que narran as vidas de tres mulleres chamadas Lucía. O filme foi galardoado co Premio de Oro 1969 no Festival Internacional de Cine de Moscú.
Para o mércores ás 20.00 está prevista a exhibición de Las manos (1976) de Juan Padrón, unha das grandes figuras da animación cubana. A obra, de claro ton irónico, fala das principais causas de accidentes nas mans durante o traballo con diferentes equipos. En Clandestinos (1987) de Fernando Pérez relátase a vida duns mozos que loitaron contra a tiranía de Batista na década dos 50.
O ciclo Viva Cuba remata o xoves 25 ás 20.00 coa exhibición de Los minutos, las horas (2009) de Janaína Marques e Fresa y Chocolate (1993), de Juan Carlos Tabío e Tomás Gutiérrez.
Así, Los minutos, las horas é unha curta estreada en Cannes 2010 e gañadora de múltiples premios en diferentes festivais coma o de San Sebastián, Múnic ou Biarritz, entre outros. A obra narra a vida de Yoli e a relación coa súa nai, habitantes dun barrio humilde de La Habana. Pola súa banda, Fresa y chocolate céntrase en David, un universitario que forma parte da Juventud Comunista e onde a súa filosofía e valores comezan a cuestionarse ao facerse amigo de Diego, artista homosexual. A cinta, unha das máis premiadas do país, pretende facer unha reflexión sobre os estereotipos e os prexuízos da época así coma a discriminación existente.