O festival anuncia as datas da que será a súa XVII edición coincidindo coa súa presenza en Culturgal, a gran feira das industrias culturais de Galicia, que se celebra esta fin de semana en Pontevedra, do venres 29 de novembro ata o domingo 1 de decembro. Cans terá un posto en Culturgal, e con este motivo lanzará unha oferta inicial de venda de entradas a un prezo moito máis baixo do habitual. Por só 15 euros poderá reservarse un pack de entrada, camiseta, catálogo do festival, chapa numerada e unha novidosa bolsa de tela que se venderá en exclusiva en Culturgal.
O prezo final deste paquete nos días do festival será de 33 euros, pero esta oferta de lanzamento a 15 euros limitarase só a 50 packs que só poderán reservarse no posto do Festival de Cans no Culturgal. Unha vez rematada esta oferta irán subindo de prezo ata o comezo do festival.
É a primeira vez na historia do festival que se lanza unha oferta de promoción de entradas destas características, coa finalidade de poder agasallar polo Nadal a reserva das entradas de Cans. É unha petición que a organización accederá a poñer en práctica despois de que moitas e moitos seguidores do certame tiñan transmitido como suxestión esta idea de activar un tramo de venda anticipada antes das festas.
Antes de que remate o ano, o Festival de Cans anunciará tamén as datas de apertura da convocatoria para enviar as curtametraxes e videoclips a concurso e comezar a etapa de visionado na procura da última fornada de creadoras e creadores audiovisuais