‘O dedo na ferida’ é unha película que fala do fin do estado do benestar e ‘Aquarius Doña Clara’ é unha obra protagonizada pola gran Sonia Braga que narra a resistencia dunha muller de abandonar o seu fogar no que é, un dos mellores papeis da súa carreira.
Dentro do apartado de curtas galegas, ás 18.30 horas no auditorio será a quenda para ‘Aysha’, de Fon Cortizo, quen retrata na súa curtametraxe a unha poetisa xordana, ou ‘The app’, de Julián Merino, unha obra que aborda as implicacións que poden chegar a ter as novas tecnoloxías.
‘Aysha’ foi unha das grandes triunfadoras de Curtocircuito 2017 e alzouse con dous galardóns: o premio AGAG ó mellor guion e o premio Galiza á mellor curta galega.
‘The app’ arrasou no festival nacional de curtametraxes Talavera de la Reina 2017, facéndose con diferentes galardóns entre os que se atopan o premio á mellor curta nacional e ó mellor guion.
Así mesmo, este xoves tamén se poderán ver grandes títulos de animación no Instituto Camões a partir das 18.00 horas como ‘The Neverending Wall’, un alegato contra a violencia que xeran os muros.
Homenaxe a Chelo Loureiro
A homenaxe concedida en cada edición pola organización do Primavera do Cine recaeu este ano en Chelo Loureiro, unha produtora comprometida, reivindicativa e que tanto aportou á animación, un cine no que tanto Galicia como Portugal son punteiros e que, sen dúbida, hai que seguir apoiando.
Loureiro recibiu este mércores á noite o galardón de mans da directora de Arte Marta Villar e mostrouse ó mesmo tempo sorprendida e encantada. Destacou que o cine é un arte colectivo, que ten a inmensa sorte de poder traballar en algo que é a súa paixón e que entende cada premio individual como un recoñecemento colectivo.