Este concurso chamado ‘Ollo de vidro’ enmárcase dentro dunha iniciativa da canle de Youtube ‘Recoméndoche un libro’, impulsada en anos anteriores por varias institucións de Vigo como a Biblioteca Neira Vilas, o IES Castelao e a Escola Oficial de Idiomas, ademais da Asociación de Veciños de O Calvario, entidade patrocinadora do evento. Este ano incorpóranse tamén como promotoras do proxecto dúas institucións moi activas de O Porriño, como a Biblioteca Pública e o IES Pino Manso, aínda que a participación estará aberta a todas as persoas que o desexen de calquera punto de Galicia.
Nos últimos dous anos, o Festival de Cans está a desenvolver unha liña de contidos enfocada sobre todo ó público máis novo, onde busca visibilizar e impulsar a intersección creativa entre a literatura e o audiovisual. En anos anteriores, Cans tivo interesantes mostras de ‘book trailers’, e polo festival pasaron autoras e autores e editores relevantes da literatura galega, así como realizadores a realizadoras especializados nos ‘book trailers’.
Nesta edición, o certame ‘Ollo de vidro’, converterase nun concurso aberto á participación no que un xurado específico escollerá unha selección de finalistas, que serán proxectados en Cans.
Durante o festival celebrarase esta gran final, na que se desvelarán os gañadores. O primeiro premio estará dotado con 400 euros, o segundo con 250 euros e o terceiro premio cunha estancia en Cans con noite de hotel e entradas para asistir ao concurso de curtametraxes. Todos os premios teñen tamén dotacións en lotes de libros e esculturas e placas conmemorativas.
O prazo de inscripción está aberto ata o 23 de abril e as bases da convocatoria e o concurso poden seguirse en www.recomendocheunlibro.com
Menos de un mes para que remate a inscrición do concurso de curtas
Por outra banda, o Festival de Cans informa de que resta menos de un mes para inscribir as curtametraxes e videoclips a concurso. O domingo 4 de marzo rematará o prazo e esta ano a inscrición pode facerse por dúas vías, ou ben na plataforma festhome ou ben gratuitamente a través da web do Festival de Cans.
Este ano o festival estrea como sección a competición ‘Furacáns’, dedicada ás curtametraxes de non- ficción, que se suma así ás demais seccións de curtametraxes de ficción, de animación e videoclips. O Festival de Cans repartirá este ano máis de 8.000 euros en premios entre todas as súas categorías.