O despido de cinco traballadores da factoría Citroën orixinou en setembro de 1972 unha protesta de máis de dúas semanas de duración e que acabou por paralizar a totalidade da cidade olívica (factorías, comercios, autobuses…).
O extraordinario do feito, que se desenvolveu en plena ditadura e baixo unha feroz represión, motivou que Vigo se convértese nun centro de interese informativo estatal e internacional e se situase á cabeza da loita antifranquista.
Emilio J. Fernández, produtor da cinta, salientou que ‘Vigo 1972’ é produto dun concienzudo traballo que se estendeu ao longo de tres anos ao longo dos cales o proxecto foi medrando e enriquecéndose. “Narrativamente desenvólvese a través de distintos recursos e planos (entrevistas, dramatizacións, materiais de arquivo, cancións de época etc…) que potencian o dinamismo e atractivo da obra”, afirma.
Roi Cagiao, director e guionista da película, puxo énfase en que Vigo 1972 non aspira a ser un documental meramente divulgativo, senón que ao tempo que da a coñecer uns feitos de primeiro orde histórico acontecidos na cidade pretende tamén emocionar e conmover ao espectador.
“Somos moi optimistas sobre o resultado que a súa exhibición en cines pode ter na cidade; fala duns feitos que decenas de miles de vigueses viviron en primeira persoa pero que a poboación máis nova descoñece total ou parcialmente. O ritmo e estruturación da película cremos que a fai moi amena e accesible. Sería estupendo ver aos avós vigueses acudindo ao cine a vela cos seus netos”, sinala.
Cagiao vai más alá e reivindica un espazo social maior para este acontecemento que forma parte da historia de Vigo. “A folga de 1972 debería constituir un orgullo para a cidade e conmemorarse, como sucede coa Reconquista”, sostén.