Durante presentación do cadro, a pintora estivo arropada polo alcalde de Nigrán, Juan González, a delegada do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, Teresa Pedrosa, e o presidente do Centro Juan María, José Santoro, así como o equipo de Reporteiros en Rede, entre outras persoas.
Lourdes, de 37 anos e veciña de Nigrán, amosou o seu agradecemento polo encargo da obra, un reto no que traballou durante seis meses dadas as amplas dimensións do lenzo, de 3 metros de ancho por 1,60 metros de alto, e que agora preside unha sala de ocio no primeiro andar do edificio.
O rexedor nigranense afirmou que para o municipio é un orgullo ter un parque empresarial como Porto do Molle e un centro como o Juan María, que «está a facer un gran traballo e ao que nunca poderemos agradecer todo o que nos dá e todo o esforzo que adican educadores, familias e alumnado». Lembrou que Lourdes aínda ten pendente facer unha obra para o Concello de Nigrán e destacou que a artista xa realizou unha exposición itinerante sobre diferentes espazos da localidade dende a súa propia perspectiva. «Este é un cadro de Lourdes, pero tamén do Centro Juan María e de todo Nigrán», concluíu González.
Pedrosa, pola súa banda, aludiu ao motivo do cadro como algo simbólico, representativo do florecer de ideas dos emprendedores que integran o Centro de Negocios do polígono. «Estamos seguros de que axudará a moita xente a inspirarse e impulsar o florecemento de moitas empresas», declarou.