A ordenanza foi feita con achegas de toda a corporación a través da Comisión de Participación Cidadá creada neste mandato e que, por delegación do alcalde, preside o voceiro de Nigrán Decide, José Cuevas, e a quen o rexedor agradece especialmente o seu traballo para que o regulamento sexa unha realidade.
“Asumimos o goberno coa promesa de primar a transparencia, o consenso e a participación cidadá, os verdadeiros pilares da democracia, e este é un paso máis neste camiño para reforzar ao máximo a comunicación fluida entre administración local e veciñanza», resume o alcalde de Nigrán, quen agradece «o traballo, dedicación e esforzo de tódolos grupos que conforman a corporación e especialmente de Nigrán Decide”.
Co obxecto de consolidar un sistema de participación axeitado regúlase en catro títulos: un preliminar que define o ámbito de aplicación, un primeiro adicado á iniciativa popular local, un segundo para crear órganos de participación e un terceiro orientado a mellorar aspectos do Rexistro Municipal de Asociacións Veciñais.
Entre as novidades destaca o regulamento das iniciativas populares co obxecto de facilitalas. Así, os veciños con dereito a voto no municipio poderán presentar propostas que estén subscritas ao menos polo 15% da poboación (tamén con sufraxio activo). Contémplase ademais a posibilidade de admitir ás que non conten co 15% no caso de que se trate dun asunto xeral para todo o municipio (rebaixase ao 4%), ou se afecta a unha ou varias parroquias diretamente (valería co 15% do territorio afectado).
Outro dos aspectos que se incorporan é a posibilidade de intervir a veciñanza nos plenos nunha quenda pública de rogos e preguntas ao finalizar a sesión. Así, un máximo de cinco persoas ou colectivos poderán formular rogos e cuestións breves e concretas e sempre de interese xeral ou municipal.
Por outra banda, o alcalde terá a competencia de poder someter a consulta popular (previo acordo plenario) aqueles asuntos da competencia municipal e de carácter local que sexan de especial relevancia para os intereses da veciñanza (agás a Facenda Local). Esta posibilidade tamén poderá ser plantexada por petición colectiva dun número de veciños non inferior ao 15% dos que gocen de sufraxio activo.
Finalmente, artículanse os consellos sectoriais (este goberno xa reactivou o consello sectorial do PXOM convocándoo duas veces tras máis de catro anos parado e tamén está activo o Consello Escolar Municipal) e como novidade se crea o Parroquial ou de Participación Cidadá. Os Consellos Parroquiais son órganos de carácter informativo, consultivo e de formulación de propostas, sen personalidade xurídica propia, que teñen a función de canalizar a participación dos veciños, colectivos e entidades dunha mesma parroquia. Poderán crearse se así o solicita un 10% dos veciños maiores de idade desa parroquia ou a metade das entidades inscritas no Rexistro Municipal con ámbito territorial tamén na mesma parroquia. Entre as súas funcións está impulsar a participación cidadá no Concello, recoller propostas, presentar anualmente un informe das necesidades e problemas… Por outra banda, a ordenanza suporá a creación dun órgano máis amplo: o Consello Xeral de Participación Cidadá para analizar e canalizar tódalas as actuacións ao respecto e que estará formado por membros da corporación, representantes dos consellos sectoriais e parroquiais ou de asociacións.