O encontro, organizado polo Concello de Nigrán e os colectivos Truequelandia e Casa Colorida, conta cunha ampla programación aberta a todas as persoas que desexen participar e compartir coñecementos.
Antesala do Día mundial da Poesía, que se conmemora o 21 de marzo, o evento desenvolverase nunha intensa xornada dominical, dende as 11.00 horas ata medianoite, que reunirá a máis de medio centenar de profesionais do mundo editorial, a ilustración ou as artes escénicas e audiovisuais. As persoas que se acheguen poderán, ademais, adquirir distintos produtos culturais nos postos da feira, onde tamén se poderá coñecer o traballo dos artistas da zona «que son moitos, desbordan talento e realizan un gran esforzo para achegar a cultura á cidadanía a través das súas creacións», sinala o alcalde de Nigrán, Juan González.
A cita inaugurarase cunha homenaxe ao escritor Xosé Neira Vilas, falecido o pasado mes de novembro, para continuar con dous obradoiros de grafitti e de expresión libre. Ás 12.00 presentarase o poemario «La Pasión del Hijo Apático», de Héctor Arnau, acompañado dunha performance músico-teatral. Posteriormente, a asociación IDendeaf ofrecerá unha charla sobre o seu traballo de creación de contidos audiovisuais dirixidos a persoas xordas.
A sesión vermú, estimada entre as 14.00 e as 16.00 horas, estará amenizada por dous grupos musicais, Célticos e Radiosonoplasmática. Despois realizaranse distintos obradoiros dirixidos aos máis cativos a cargo de Truequelandia, que se sucederán ata as 20.00 horas.
Pola tarde será o turno para as presentacións literarias, firma de libros e debates de distintos autores, como Carlos Meixide, Gerardo Collazo, Gloria Pérez ou Fernando Salgado, e entidades como Ollomol Audiovisual.
Ás 18.30 darase a coñecer no auditorio o proxecto «Pensa global, imprime local, pensar ende os comúns», que servirá de condutor dun debate sobre a acción colectiva ao que están convidadas todas as editoriais participantes e outras que desexen achegarse, así como os asistentes. No mesmo emprazamento, Julio Villarino achegará ao público o seu libro «Contos de Nigrán», acompañado polos alumnos do Centro Juan María.
Un espectáculo multidisciplinar de Cía. tras Pediante e tres concertos protagonizados por Baiona Bay, Célticos e Ameva porán o broche final a esta convocatoria na que converxerán proxectos e accións alternativas co obxectivo de visibilizar outro tipo de iniciativas culturais.