O especialista en medio fondo, firmou no libro de Honor do Concello antes de acompañar ao rexedor e ao concelleiro á presentación da XVII Vig-Bay, que tivo lugar hoxe en Vigo. O percorrido da medio maratón transcorre en gran parte pola localidade nigranense, en concreto, 9 kilómetros, e por primeira vez, as camisetas do evento incluirán o nome de Nigrán. «É un honor para nós recibir no noso municipio a un dos mellores atletas da historia do deporte español», afirmou o alcalde de Nigrán, Juan González, quen destacou un dos logros acadados por Abascal: «No ano 1986 bateu o récord de España 2.000 metros – 4’52”40- e 30 anos despois ninguén conseguiu superalo».