Durante o verán de 2015 (época na que nacen as avespas obreiras) Nigrán retirou máis de 110 cortizos, sendo as zonas máis afectadas por esta praga A Ramallosa e os terreos do Polígono Terciario de Porto do Molle, onde se detectaron 20 e 25 niños respectivamente.
«Con esta medida queremos adiantarnos á proliferación destes predadores, xa que agora é cando as raíñas se activan, e en abril e maio empezan a construír a colmea para poñer ovos», explica o alcalde de Nigrán, Juan González. Segundo os expertos, asegurar a eliminación da raíña é o método máis eficaz para o control desta especie, xa que evita a produción de novas raíñas e a formación de niños, que poden albergar ata 2.000 unidades.
Esta actuación súmase á previsión do Concello de adherirse ao Plan de vixilancia e control da Xunta de Galicia, que busca reducir o impacto da vespa velutina en diferentes ámbitos, como as producións apícolas. A través deste programa infórmase aos municipios sobre a localización dos niños deste insecto no seu territorio e permítese o acceso a unha aplicación informática para a xestión de ditos avisos e a actualización dos datos por parte de cada localidade, co obxectivo de traballar de forma coordinada para controlar esta praga.
«Animamos aos veciños a que nos informen se detectan a presenza de raíñas na súa zona para poder eliminalas. Desta forma, non só contribuiremos a que as producións apícolas e froitícolas non se vexan afectadas pola vespa asiática, senón que reduciremos a ameaza que supoñen para a biodiversidade autóctona ao alimentarse das abellas, que son fundamentais para os ecosistemas», alenta o rexedor.