A Xunta de Goberno do ente provincial resolveu favorablemente o 19 de decembro á solicitude feita dende o Concello a inicios deste mes. Os cartos desta axuda (dirixida aos municipios de menos de 20.000 habitantes que cumpriran os requisitos) serán empregados na compra de dez toneladas de caucho para o óptimo mantemento do Campo de Poutón-Vilariño (3.509 euros), dúas canastras fixas con aro e taboleiro que substituirán ás vellas do espazo deportivo de Dunas de Gaifar (1.641 euros) e dúas redes antivandálicas para as pistas de A Ramallosa (26 euros). A compra, tal e como marca a propia subvención, realizarase nos próximos días (antes de que finalice o ano).
“Nos últimos anos o Concello desatendeu por completo instalacións deportivas como as de A Ramallosa e Gaifar, e para nos é unha prioridade que se atopen nun estado de perfecto mantemento porque queremos dar as máximas facilidades para a práctica de deporte entre a veciñanza. Por exemplo, as actuais canastras de Gaifar están completamente deterioradas, non son axeitadas para xogar”, resume Juan González, alcalde do municipio.
Dada a limitación financeira dos concellos, resulta difícil dar resposta á totalidade de necesidades que presentan tanto os veciños de xeito individual como distintas agrupacións municipais, sendo a obriga do Concello garantir o acceso á práctica deportiva á totalidade da poboación, “polo que é un tipo de axuda que sempre ven moi ben para o Concello”, comenta González.
O goberno de Nigrán quere potenciar a consideración do deporte como parte fundamental dunha educación integral do individuo, por canto transmite valores de gran importancia na sociedade, tales como o traballo en equipo, a cultura do esforzo, o afán de superación, a tolerancia… sen esquecer, obviamente, o seu beneficioso impacto na saúde física e mental de todos aqueles que o practican.