A banda de Castiñeira, que no pasado Entroido tivo que suspender a súa actuación en Vigo por mor da chuvia, ten previsto tocar na vila real nos últimos días da Semana Santa. Canda eles, subiranse ao escenario ás 22.00 horas os grupos A Polémica Banda dos Bechuchos e Xente Tóxica, que farán de teloneiros.
Deste xeito, os seguidores dos Heredeiros poderán gozar en directo dos seus temas máis clásicos, como ‘Quero josar’ ou ‘O fillo de José’, así como das súas letras descaradas e divertidas, as guitarras poderosas, o falar natural, con gheada e seseo, e a actitude provocadora e irreverente da banda, que fixeron dela todo un símbolo para milleiros de galegos.