A Xunta de Goberno aprobará este xoves a apertura dese novo prazo. Tal e como marca a lei, a medida deberá ser publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) nos vindeiros días, de xeito que o novo período de presentación abrírase o antes posible.
Á vista do importante volume de alegacións presentadas nos últimos días e pese a estar aberto o prazo durante os dos últimos meses, o Goberno local pretende facilitar aos veciños a súa participación no documento ampliando o prazo en trinta días máis.
“Volveremos a abrir o prazo para facilitar a presentación das alegacións, o que queremos é que se presente cantas máis mellor para enriquecer o documento”, explica o alcalde da vila, Ángel Rodal.
Tras a aprobación inicial en Xunta de Goberno o pasado mes de xuño, o Plan das Costeiras foi sometido durante dous meses -o prazo remata este xoves día 14 de setembro- a exposición pública para recibir alegacións e solicitar informes sectoriais.
Posteriormente, a Xunta de Goberno deberá dar a súa aprobación provisional e sería o Pleno Municipal o que votaría a aprobación definitiva.