A tan só uns días de que Baiona presente a nova edición da festa na Feira Internacional de Turismo en Madrid (Fitur), a primeira Tenente de Alcalde, María Iglesias, mantivo este xoves na Casa do Concello sendas xuntanzas con representantes da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (Aceba) e cos voceiros do PSOE, BNG e EU.
O Concello mostrouse receptivo a todas as ideas expostas polos comerciantes e empresarios encamiñadas a que a Festa da Arribada continúe mellorando. Neste senso, a concelleira e os representantes de Aceba acordaron unificar os envases que utilizarán todos os establecementos. Desta forma, quedarán eliminados tanto os vasos de cristal como os de barro que se viñan empregando ata agora e dende esta edición haberá un envase de cartón ou papel reciclado para todos os negocios.
“Por unha banda unificaremos a imaxe da festa pero sobre todo facilitaremos a recollida do lixo, posto que tanto os cristais coma o barro ensucian moito e complican bastante máis a reciclaxe que o papel”, apuntou a primeira Tenente de Alcalde. En próximas datas buscarán un modelo homologado e oficial para a edición XXII da Festa.
Ademais, a proposta de Aceba acordouse a creación dun circuíto peonil de sentido único polas rúas máis céntricas da Vila. A aglomeración de visitantes provoca todos os anos que a circulación dos peóns sexa complicada, polo que o Concello e os empresarios acordaron sinalizar unha ruta de dirección única que aparecerá indicada en todos os mapas e os programas da festa.
A continuación, a concelleira mantivo outra xuntanza cos voceiros de todos os grupos municipais e escoitou as propostas de PSOE, BNG e EU. “Foi una reunión moi frutífera e a oposición aportou boas ideas. Trátase dunha reunión de traballo para afrontar unha nova Arribada, unha celebración moi importante que intentamos mellorar en cada edición”, sinalou María Iglesias.