Despois do mediodía, parellas, grupos de amigos e familias enteiras acudiron ata Chan da Rata para inmortalizar o momento nun banco que, día a día, estende a súa fama ata o punto de provocar retencións nos penedos da zona. O acceso é complicado e moitos dos visitantes non acoden co calzado axeitado. Así o recoñecía unha rapaza que chegou alí grazas as coordenadas gps do móbil, pero con botas de tacón…
As 16:00 horas, os que chegaron ó ‘mellor banco do mundo de Redondela’ puideron acceder a el despois de agardar dous ou tres quendas. Non obstante, os que tardaron media hora máis, xa tiñan que esperar un bo anaco de tempo e a cola aumentaba de xeito progresivo. O que era un aparcadoiro baleiro xa tiña unha ducia de automóbiles aparcados e o número ía incrementábase. Ó redor das 16:30 horas xa había medio centenar de persoas sobre os penedos próximos ó ‘Galiza it’s different’. Os que chegaron ás 17:00 horas xa tiñan escasas opcións de tomar a instantánea con facilidade porque a espera converteuse en prolongada. Son as consecuencias do éxito do miradoiro e dun día festivo en pleno decembro.
A aparición do lixo
O éxito do ‘mellor banco do mundo de Redondela’ comeza a ter efectos secundarios. Na zona deixase ver a actividade dos visitantes en forma de lixo. Botes de Coca-Cola, plásticos e envoltorios comezan a misturarse cos toxos. Un feito que xa foi criticado nas redes sociais. Algúns dos visitantes pensarían que ata Chan da Rata chega o camión de Urbaser…