A mellora da travesía de Chapela a Vigo ten un prazo de execución de 18 meses e a data límite para a presentación de ofertas é o vindeiro día 17 de outubro. As obras consisten no redimensionamento e reurbanización das beirarrúas adaptándoas ás normas de accesibilidade. Na primeira fase de reurbanización da estrada ao longo de 1 km e incluirán a renovación integral das beirarrúas, que serán ampliadas para facilitar o tránsito de peóns nesta zona que é moi concorrida, no contorno do Mercado Municipal e da alameda.
Este proxecto contempla a mellora da totalidade dos servizos urbanos: a rede de abastecemento, saneamento, alumeado, canalizacións eléctricas. Ademais tamén se actuará na intersección, onde se atopa o acceso a Pescanova, para facilitar a saída dos camións.
A actuación é moi demandada e de gran importancia tanto para os veciños da rúa de Vigo, que contarán con beirarrúas máis anchas para facer os seus desprazamentos de xeito máis cómodo e seguro; como para os vehículos que cada día se achegan ata o mercado, que verán mellorado o acceso e reforzada a seguridade.