As persoas que o consideren oportuno, durante un período de trinta días hábiles, é dicir, ata o 21 de maio, poderán formular por escrito ante a Axencia Galega de Infraestruturas as observacións que crean convenientes relativas á concepción global do trazado deseñado.
A Xunta destinará arredor de 580.000 euros a este itinerario peonil e ciclista, cuxa licitación das obras se prevé este ano, de modo simultáneo ás de eliminación dos dous tramos de concentración de accidentes en Domaio, onde faleceron varias persoas nas últimas datas. Estas actuacións, no seu conxunto, teñen como obxectivo mellorar a seguridade viaria na estrada PO-551 e a súa contorna.
Trátase da execución dunha senda na marxe dereita da estrada no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 29+500, á altura da praia da Borna, e 30+960, conectando coa beirarrúa existente ao final do acceso á área recreativa da Cerradiña.
Proxéctase unha senda de formigón coloreado cunha sección de 1,8 metros, salvo nalgún punto concreto no que se reduce a 1,5 metros. Nos tramos con desniveis executarase unha estrutura formada por unha lousa de formigón armado apoiada sobre a plataforma da estrada.
Esta actuación está enmarcada no Plan de Sendas na comarca do Morrazo, que contempla a execución de 8 sendas sostibles, seguras e integradas na paisaxe, cuxos proxectos están en redacción. Os citados traballos serán cofinanciados con Fondos Feder 14/20.
Mellora de seguridade na PO-551
O Goberno galego está a impulsar actuacións concretas na estrada PO-551, que comunica Marín con Rande, para a eliminación daqueles puntos que rexistran unha maior sinistralidade ao paso desta vía polos municipios de Bueu, Cangas e Moaña, na comarca do Morrazo.
A Xunta, ademais do Plan de Sendas, no que se enmarca o itinerario que comeza a información pública, ten programadas catro actuacións para suprimir os seis treitos de concentración de accidentes da estrada PO-551 cun investimento que rolda os 3,7 millóns de euros.