Ao acto de inauguración, que inclúe unha visita guiada, acudirán a alcaldesa do Concello do Porriño, Eva García; a concelleira Lourdes Moure; o coordinador Institucional de Abanca, José Luis Romero; o director territorial, Walter Álvarez; e a coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación, Paloma Vela. Tamén asistirán un grupo de estudantes do IES Pino Manso do Porriño.
Os fondos que articulan esta mostra proceden da prestixiosa institución neoiorquina The Hispanic Society of America, que atesoura a colección de arte hispana máis importante alén do territorio español.
As imaxes seleccionadas pertencen ao relato documental que Ruth Matilda Anderson elaborou durante a súa viaxe de investigación en Galicia entre os anos 1924 e 1926 a instancias do fundador de The Hispanic Society of America, o filántropo e hispanista Archer Milton Huntington. A exposición, de entrada libre e gratuíta, poderase visitar ata o 2 de xuño, de luns a venres en horario de 8.30 a 20.30 h.
Esta colaboración é parte do proxecto «Corrente Cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.