Desde o comité de empresa aseguran que non están dispostos a continuar nunha situación reiterada de demoras no ingreso dos salarios, “acumulando sempre máis de dúas mensualidades que non son abonadas en tempo”, que se suman á conxelación salarial nos últimos oito anos.
É por iso que, despois dos “enormes sacrificios realizados e da loita que protagonizaron nos últimos meses en favor da viabilidade do traballo na empresa”, chegando a reverter o pasado xuño un ERE extintivo para 150 traballadores -que quedou reducido a 34-, están dispostos a continuar de forma indefinida o paro ata que as demandas sexan atendidas.
Indican, ademais, que a dirección da empresa de tarima flotante do Porriño continúa sen aclarar o futuro da actividade produtiva, con falta de perspectiva sobre o futuro financeiro e solvencia necesarias para facer fronte tanto ao pago de nóminas como ao normal funcionamento da actividade.
Demandan, ao tempo, a reactivación das negociacións para un novo convenio -o actual expirou en decembro de 2014-, conxeladas pola negativa da patronal a reactivar a mesa negociadora.
Posíbeis mobilizacións ante a “inacción” da Xunta
A Xunta, pola súa parte, e segundo denuncia o comité, continúa “sen dar sinais de vida” no relativo ás xestións que se comprometeu a realizar para conseguir investidores que garantan a viabilidade da empresa e a permanencia dos 200 postos de traballo, a maior parte ocupados por mulleres.
É por iso que “non descartan mobilizacións” nas vindeiras datas se o conselleiro de Economía, Francisco Conde, non atende os compromisos adquiridos no Parlamento de Galicia para asegurar o futuro dunha das principais empresas do Porriño.