Maderas Iglesias chega este luns ao sétimo día de folga indefinida para reivindicar o pago dos salarios adebedados -dúas pagas extra e máis o salario de xullo- e esixir un futuro para unha factoría que xera 200 postos de traballo, na súa maioría mulleres.
Despois dos “sacrificios” realizados durante os últimos oito anos de dificultades económicas da empresa, que incluíron sete EREs aprobados pola Xunta, os traballadores non entenden que o máximo responsable de Industria os pretenda responsabilizar agora da situación e pida “que traballemos sen cobrar e sen convenio”. “Algunha responsabilidade terá el pola súa falta de xestión”, engaden.
Fronte a isto, continúan a demandar que dea pasos en firme e procure solucións, comezando por entrevistarse fisicamente e sen intermediarios co comité, en ningún caso “con ese ton e desde a prensa”. Aseguran, ademais, que levan nove meses agardando a súa presenza no conflito e a participación activa na solución”.
Esta pasada fin de semana, e “sen que de momento se dese ningún paso por parte da dirección”, o persoal decidiu intensificar a loita e facer garda as 24 horas ante a instalacións da empresa para evitar calquera actividade ou retirada de material. A folga continúa a ser secundada pola totalidade do persoal, que está disposto a continuala até lograr os seus obxectivos.