Ademais do alcalde, Antonio Lomba, e a secretaria xeral para o Deporte, Marta Miguez, na reunión participou o presidente do club, José Manuel Silva, que trasladou de primeira man as remodelacións mais urxentes.
Tras avaliar as actuacións necesarias e atendendo ás suxestións expostas por Silva, a Xunta comprometeu a elaboración dun convenio que recolla o financiamento da reforma do vestiario do pavillón municipal cunha achega de 50.000 euros. Ademais, as administracións aseguraron que seguirán traballando para levar a cabo novas acometidas que melloren as instalacións.
No transcurso da reunión, Míguez apuntou que “a Xunta de Galicia fará todo o posible para que as campioas de España poidan xogar os partidos que lle corresponden como local en todas as súas competicións na súa casa e coa súa xente sen necesidade de desprazamentos”.
Pola súa banda, Lomba valorou positivamente o investimento pero quixo salientar a necesidade de abordar canto antes a reparación das instalacións eléctricas. Pola súa banda, Míguez comprometeuse a continuar coas xestións para conseguir os cartos que se precisan para realizar estas obras.
Ademais, nos vindeiros días comezarase a traballar na reparación da cuberta do pavillón, unha obra que se levará a cabo contando co financiamento da Deputación de Pontevedra.