Os técnicos provinciais están a avanzar neste sentido despois de que o goberno local da vila solicitase axuda para desenvolver a iniciativa. A nova estrada está considerada como unha «acción estratéxica» no Plan de Mobilidade presentado pola Deputación o pasado mes de febreiro, un documento que o concello pretende utilizar como folla de ruta a curto, medio e longo prazo para ordenar o espazo público do municipio de forma eficiente.
O Estudo de Mobilidade e Espazos foi elaborado logo dun proceso participativo no que se tiveron en conta as opinións dos veciños e de diferentes sectores económicos e políticos por medio de reunións e enquisas. Este documento considera que é necesario enlazar a zona portuaria mediante eixos de comunicación máis eficientes que os actuais para os vehículos, evitando que camións de grandes dimensións e tonelaxe teñan que pasar polo núcleo da vila a través de Concepción Arenal. Así, o estudo propón retomar e potenciar o proxecto de ‘Acceso Sur’ que leva varios anos en estudo –pendente da Xunta de Galicia-.
Dada a importancia do proxecto e, ante a paralización do goberno autonómico, a Deputación está adiantando pasos para desenvolver propostas para a nova vía. A raíz de aí, preténdese que a Xunta se implique na execución dunha arteria de comunicación que debe ser da súa competencia.
É preciso lembrar que a construción da estrada alternativa ao Porto permitiría un desenvolvemento do centro urbano e da rúa Concepción Arenal en particular apostando por un deseño máis orientado a promocionar a mobilidade peonil, segura, sustentable e inclusiva.
Outras das propostas do Plan de Mobilidade para A Guarda, hai que lembrar, eran a peonalización do casco vello, priorizar os tránsitos peonís nas vías principais, redeseñar progresivamente as rúas do resto da vila, e crear unha rede de bolsas de aparcamento en localizacións estratéxicas co fin de eliminar aparcamentos irregulares nas estradas, gañando esas áreas para o uso da veciñanza. Tamén se sinala a necesidade de crear camiños escolares seguros cara a zona da Santiña e dos equipamentos deportivos.