Segundo o partido político, o escandaloso desta traxedia non se debe centrar no feito de que o traballador falecido non levara un arnés, cando ademais nese lugar en concreto non era a medida adecuada ao non ter unha «liña de vida» á que conectalo, senón a actitude dunhas empresas -a UTE de Dragados e Grupo Puentes- que “están poñendo os seus interese económicos por diante das persoas”.
Marea critica que “cada vez que estas empresas non cumpren os convenios colectivos pagando miserias como 7 euros á hora, permiten que se traballe xornadas de 12 horas en condicións lamentables” ou non poñen todos os medios para cumprir as medidas de seguridade “están asinando a pena de morte dun traballador”.
Ademais, indicaron que cada vez que a Xunta de Galicia, que conta con todas as competencias en materia de saúde laboral, “fai oídos xordos” ás denuncias como as que se fixeron no caso destas obras “está sendo cómplice e responsable directo das consecuencias”.
Marea de Vigo esíxelle tamén responsabilidades ao resto de entes implicadas na situación destas obras, como o Ministerio de Fomento e a propia Audasa, concesionaria da AP9. Do mesmo xeito, a formación quixo amosar a total solidariedade coa familia do falecido e o seu “compromiso da defensa do emprego digno, seguro e de calidade, onde as e os traballadores sexan algo máis que meros xeradores de riqueza”.