Ante a “gravidade” do feito, CC OO quixo condenar o sucedido a través dun comunicado e reclamou que todo o persoal sanitario, independentemente do cargo que ocupe, sexa considerado «autoridade pública» porque todos “merecen o respaldo da Xustiza e dos responsables do servizo de saúde”. Neste senso, solicitaron que a xerencia poña a disposición da traballadora a asesoría xurídica do Sergas para actuar contra a agresión.
Igualmente, o sindicato pediu que os traballadores poidan desenvolver as súas tarefas con tranquilidade e seguridade. Por iso, demandan que no acceso ao servizo de admisión se dispoña dun mostrador pechado e dun “botón-alarma do pánico que cando sexa usado sone en todo o PAC”.
Do mesmo xeito, consideran “imprescindible” contar con membros de seguridade xa que afirman que as agresións prodúcense en todo o recinto. Estas medidas, aseguran, xa deberían estar funcionando dende xuño, “segundo procedementos internos” establecidos pola Consellería de Sanidade.
Por último, dende CC OO lembran que “o acoso e mesmo a agresión física e algo por desgracia máis frecuente do coñecido pola opinión pública” e por iso esixen “maior contundencia contra os agresores e maior respaldo na defensa dos agredidos”. “A propaganda institucional contra estas prácticas deleznables é insuficiente se non está acompañada dun maior compromiso práctico”, conclúen.