Respecto dos labores no lugar do sinistro, Carmela Silva confirmou que os efectivos do Consorcio Provincial de Salvamento e Contraincendios estiveron a traballar toda a noite e conseguiron sacar o vagón máis danado sobre as seis da mañá, finalizando así o operativo despregado nas vías da Estación do Porriño. Foi de madrugada, tras conseguir acceder á zona de asentos do tren máis próxima á cabina, cando afortunadamente puideron confirmar que non había ningún corpo máis non seu interior.
Foron os efectivos do Parque de O Porriño, do primeiro e segundo turno, os que se fixeron cargo, aos poucos minutos do accidente, das tarefas de excarceración dos pasaxeiros atrapados e a evacuación dos feridos, utilizando kits de estabilización para apontoar o vagón. Os traballos desenvolvéronse en “perfecta colaboración co operativo do Parque de Vigo e a policía local de O Porriño, así como co resto de medios de salvamento que se sumaron de inmediato aos labores de evacuación”, segundo explicou a presidenta da Deputación de Pontevedra.
Silva quixo recoñecer o esforzo dos efectivos e do seu xerente, Roberto Jorge Correa, “que coordinaron perfectamente desde o primeiro momento a cobertura en toda a provincia, co Parque de Vilagarcía que se encargou do seguimento na área sur de Pontevedra, mentres que o de Ribadumia realizou esas mesmos labores no norte”, sinalou. A presidenta visitará o luns o Parque do Porriño para agradecer persoalmente o traballo dos seus integrantes.