A Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) informou dun fenómeno meteorolóxico adverso Laranxa por vento e mar do sur e suroeste forza 8 iniciándose durante a madrugada do día 14 e finalizando durante a mañá do mesmo día, afectando ós ámbitos xeográficos de A Coruña (oeste e noroeste), pasándose a nivel de alerta amarelo.
Aemet tamén informa dun fenómeno meteorolóxico adverso Amarelo dende a noite do día 13 ata a mañá do día 14 na costa da provincia de Pontevedra e A Coruña (suroeste e oeste).
Por outra banda, Emerxencias 112 Galicia informou de que apenas unha hora despois de que un tornado levantara o tellado dun bar na Pobra do Caramiñal, en Carnota, vehículos, mobiliario urbano e vivendas resultaron afectadas polo paso da tromba mariña.
Tornado por Riveira pic.twitter.com/94pWccUrUO
— Controles Y Radares (@cyracoruna) 13 de abril de 2016
Segundo confirmaron os axentes da Policía local, o tornado provocou danos importantes na zona do Porto do Pindo. Os servizos de seguridade manteñen acordoado un edificio e comprobaron a caída de tellas e chemineas das vivendas lindeiras. Había unha persoa dentro dun dos turismos danados pola tromba, pero, pese a que sufriu algunha ferida de carácter leve, rexeitou a asistencia médica.
Pequeño tornado en Ribeira visto desde la consulta… imprevisible.. pic.twitter.com/8XO8YPLNcf
— Rosana Castelo (@CasteloRosana) 13 de abril de 2016
O tornado tamén afectou ao mobilizario urbano: algún sinal dobrado e varios colectores do lixo tirados mesmo dentro da auga. As chalanas amarradas a porto tamén sufriron os efectos do fenómeno meteorolóxico. O CAE 112 Galicia recibiu a alerta ás 13:00 horas, xusto unha hora despois de que un particular contactara co servizo de emerxencias para informar do paso dun tornado pola Pobra do Caramiñal e Ribeira.
Neste caso, foron os axentes da Garda Civil de Tráfico que solicitaron aos xestores do 112 Galicia medios para a recollida de restos de tellas e cascallos espallados pola AC-550, entre os quilómetros 10 e 12. Os axentes de seguridade confirmaron que se trataba, tamén, dos efectos dun tornado.
A partir de aí, o persoal do CAE 112 Galicia puxo en marcha un operativo no que, ademais das forzas da orde, participaron os membros do GES de Muros e o equipo de limpeza e mantemento da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI). Igualmente, se enviou información a Portos de Galicia e Salvamento Marítimo.